MI REINO ES OTRO_Santi Jiménez






MI REINO ES OTRO_Santi Jiménez

    

28/04/2023


Santi Jiménez: ladrón confeso de esteroides dixitais

Nunha contorna na que todas as accións e creacións en Occidente están sendo dopadas dende hai anos por esteroides dixitais, queiramos ou non ser conscientes diso -xa que mesmo existe a ?arqueoloxía algorítmica?-, sentímonos ameazados e vivindo unha nova versión da película de Fritz Lang de 1927 ?Metrópolis?: incúlcasenos un renovado medo á Máquina, o que vén a orlar, de xeito moi acaído, o noso xa nutrido cupo de temores.

Inmersos e inmersas en pleno debate sobre o control do vertixinoso avance da intelixencia artificial, preocupadas e preocupados porque esta ?terceira revolución industrial? estrague a forma de estado-nación ?democrática? da que ?desfrutamos?.

Perante o manifesto asinado recentemente por máis de mil empresas tecnolóxicas a nivel mundial para frear o avance da devandita intelixencia artificial, Santi Jiménez, como moitos e moitas artistas, está a facer uso desta ferramenta.

O noso artista, problematizando conscientemente a súa actividade artística -o que é unha constante na súa xa longa andaina- nun tempo inzado de novos envites cara a sacra autoría do artista na era da ?reprodutibilidade técnica?- termo xa acuñado por Benjamin en 1939- preséntanos unha nova obra mixta, combinación ?aurática clásica? da man do debuxo manual con debuxo dixital e creación maquínica, debuxo xerado por intelixencia artificial.

Que Santi Jiménez utilice intelixencia artificial nalgunha das pezas aquí presentadas é un proceso natural nun artista que sempre ten utilizado, tanto de modo acrítico como crítico, ferramentas dixitais nas súas composicións, como un proceso máis dos moitos que utiliza na xeración da súa obra.

En ?Mi reino es otro?, o artista recorre a sinxelos algoritmos para compoñer algunha das súas obras, creando conscientes equívocos entre traballo dixital e manual. Ao deseño manual, o creado sen interfaces dixitais, contrapón o artista outras formas de debuxo coa fin de desvelar os prexuízos asociados a esta arte como expresión artista, por exemplo o que a define soamente pola técnica que utiliza, non polos seus valores conceptuais que, de cada vez, expresa unha auténtica obra de arte.

Santi Jiménez podería ter sido un oportuno creador de NFT?S, pero decidiu non optar por este camiño, porque considera o exercicio da arte como algo que vai moito máis alá da súa conversión directa nun activo económico. Rexeita os NFT?S polo seu carácter especulativo, xa que funcionan como case moedas no metaverso e como produtos meramente formalistas en moitos casos.

Santi Jiménez, membro da ?Xeración X?, pero ?naturalizado? como nativo dixital, crea pezas partindo de estratexias posmodernas aplicadas á imaxe xa asumidas academicamente, coma o pastiche, a apropiación ou xeitos diferentes de estrañamento ao comezo da súa carreira, tomando como base a imaxe fotográfica e moi cedo o debuxo, mais sempre utilizando internet como unha fonte máis do inmenso arquivo de imaxes e referencias nas que se basea o seu traballo.

Utiliza toda a cultura creada arredor do deseño, como o universo da ilustración manual dixital ou mixta, o cómic, a novela gráfica e tamén o amplísimo campo da animación para crear tensións internas nas imaxes que xera. O creador, no canto de teimar no carácter representacional e de mensaxe unívoca coa que son alcumados os debuxos, ofrécenos unha obra que nunca
nos contesta á primeira, nin do mesmo xeito. Unha obra que sempre é unha pregunta.

O debuxo sitúase axiña na centralidade da súa acción plástica, tanto na súa acepción conceptual como pragmática, con todo o debate que isto ten aparellado: o debuxo como bosquexo ou como obra final, o debuxo como arte popular ou como gran arte?

Tal e como eu percíboo, Santi Jiménez entende o debuxo como ?problema? e como horizonte de creación: explora con afouteza a confusión entre a praxe tradicional do debuxo, o feito a man, co retoque dixital. Reflexiona sobre o obrigado carácter historicamente narrativo do debuxo cando as súas obras nunca o son. Contradí a súa pretendida modestia como técnica menor xogando na súa obra con grandes formatos. Rexeita o carácter puramente fáctico do debuxo como ilustrador dunha idea superior, cando na súa obra a idea ten que ser inferida polo propio debuxo e fai que cavilemos sobre un fato máis de prexuízos arredor deste medio de expresión milenario, advertíndonos do perigo de interpretar as imaxes literalmente.

Os seus traballos, durante ben tempo, foron composicións poboadas por figuras xuvenís e adolescentes que nos mostraban a súa vida íntima, os seus gozos e agoiros, nun espazo sen tempo, convertindo en libidinais miróns involuntarios ás persoas espectadoras das pezas. Andando o tempo, esta galería de personaxes foise esencializando para crear composicións con figuras monumentais, illadas, máis crípticas e evocadoras de pensamentos profundos e transcendentes. Neste punto asistimos a un ?striptease? mental igual de obsceno ou máis que nas obras da anterior etapa. Mais aínda que presenciemos este ou outros cambios, todos, absolutamente todos os personaxes creados, sempre, e ata a o día de hoxe, constitúen heterónimos visuais do artista, parellos ás súas vivencias presentes.

Con ?Mi reino es otro?, o artista dá unha nova viraxe formal e conceptual á súa obra, sorprendéndonos con polípticos nos que apenas aparece representada a figura humana. Preséntanos unha sorte de baixorrelevos a modo de frisos de debuxos impresos sobre madeira que, por veces, fan sobresaír unhas pezas do lenzo mural. Non hai marcos. A obra expándese polo espazo perceptivo da persoa espectadora.

Ademais, as imaxes son creadas a partir dunha iconografía fantástica, coa fin de suxerir unha sorte de epopea que dúas persoas libran, e da que saen vitoriosas.

A formalización das pezas é radicalmente diferente á da súa obra inmediatamente anterior: está chea de cor, hai contextos temporais, a estética das imaxes é incómodamente heteroxénea, incorrecta, e a coherencia da mostra só se pode atribuir ao coidado deseño do dispositivo expositivo.

Dos novos descubrimentos no complexo universo dos usos do debuxo, froito da grande labor de investigación que o artista realiza para cada unha as súas exposicións, nace esta mostra. ?Mi reino es otro? está imbuída dunha profunda carga emocional arrefriada pola xa lendaria retranca do artista, aplicada a todo, a todos e a todas pero, sobre todo, a si mesmo. 

Monse Cea
Crítica de arte e comisaria independente

 

FANZINE/CATÁLOGO "Mi reino es otro"




<< Listado de Exposiciones
                                                                                                                                                                                                                                                                                   
Subir