ANA PÉREZ VENTURA. Études






ANA PÉREZ VENTURA. Études

    

13/09/2019


Ana Pérez Ventura: a pintura como cofre musical

Por Fátima Otero

 

A idea de tempo perdido é unha premisa central nas creacións plásticas da artista compostelá, residente en París, Ana Pérez Ventura (1981). Como na novela  prousiana anhela a súa fluír, por iso téntao atrapar. O seu vocabulario artístico relaciónase con cuestións derivadas da arte concreta. Como punto de partida toma a construción a través de pequenos signos gráficos que quedan impresos minuciosamente. Son tramas de liñas, puntos dispostos nunha función estética que saen dunha maneira de traballar que é en si un concepto na súa obra.

 

 As eleccións de Pérez Ventura son directas e afectivas porque responden á súa faceta profesional de recoñecida pianista. As súas creacións cristalizan xestos corporais, físicos, mentais ao redor da súa experiencia ao piano buscando a perfección material, técnica e ética. A pesar de que o seu discurso é conceptual, non reflectindo o mundo nin testemuñando a realidade social, se impulsa a visualización e comprensión do proceso musical ofrecendo unha posibilidade cognoscitiva para o  contemplador.  

 

Toda a súa proposta artística deriva da acción de inmortalizar as tediosas sesións como virtuosa instrumentista ao plano pictórico. O ensaio, a través sempre de sutís xestos minimalistas, queda impreso en duradeiros proxectos que levan o común denominador do fío musical. Consegue facer vibrar o fío de Ariadna no sentido de que as melodías ou notas musicais case as sentimos soar porque son as que ganduxa intensas series de reiterados ritmos, rexistros e pulsións elaboradas como ladaíñas de paciencia e relixiosidade  monacal. A técnica instrumental non só corre paralela á súa faceta artística senón que camiña ao unísono. Ana traduce esa persistente e tenaz acción diaria que, non sendo tanxible para o espectador, empéñase en enxalzar e atesourar como  leitmotiv. 

 

  Responde a súa serie Notages ao coñecido exercicio do compositor Hanon, relativo ás súas prácticas para piano en aras de mellorar a velocidade, precisión e axilidade do pianista. A autora traduce as formas musicais a linguaxe pictórica, neste caso a base de deslizar en liñas  melódicas filas de buracos graduados. Todo o esforzo físico da práctica musical repetitiva queda retido. O discurso expositivo na compostelá galería Metro encadea os cadros coma se fosen follas de partituras. O resultado confórmao unha instalación minimalista que emula máis que á emoción que a música producía na obra de Kandinsky, a tediosa labor de dilatadas sesións de práctica do pianista virtuoso en 60 exercicios.

 

   Nesta serie sérvese do punzón co que ondula ordenados buracos sobre o soporte conciso da madeira, pero que no seu contacto e ordenación semellan vibrar como impulsados pola brisa musical. Sutilmente déixanos adiviñar un pulso constante, xiros compasados e melódicos. O uso sintético das formas encandeanos. 

 

 A práctica musical, coa repetición de patróns como medio de aprendizaxe, inspira a serie Ètudes. Secuencia rítmica giratoria que sae desa mesma precisión e monotonía neste caso resultado de pintar un mesmo xiro que xeran infinitas capas de profundidade espacial. O resultado emana respostas emocionais pracenteiras. Cada lenzo nos  embriaga como partícipes dun  totum  revolutum moi espiritual. Ana Pérez desafiando a inmaterialidade da música conseguiuna atrapar vía forma plástica. Supón un reto tentar perseguir a inmaterialidade musical. Como desafío, non só lle deu caza senón que se apodera de ela a modo de escritura. Esta serie, que engole círculos e círculos de pintura branca sobre fondo azul, é unha das respostas emocionais da creadora cara ao pathos musical volto en secuencia plástica moi  voluptuosa, sutil e suxestiva. 

 

 Os seus referentes artísticos remiten á experiencia minimalista de Agnes Martin ou outros creadores como Ignacio Uriarte, e non menos asume as sensacións e os efectos que as cores, liñas ou puntos producen na psicoloxía humana, como observou  KandinsKy ou Paul Klee tentando plasmar o movemento musical vía cor ou superpoñendo formas.

A artista resolve as súas dúbidas, medos, inseguridades en atractivos vaivéns, xa de rexistros lineais ascendentes ou descendentes ou espirais en tránsito. Quedou  inmortalizado en compasadas, suxeridas e aleatorias accións  dibujísticas no espazo. 

 

A serie  Neumas vístese de gracilidad e beleza, se cabe máis ao ter como soporte o lixeiro papel, con capas e capas de puntos brancos e negros a modo de teclas do piano dispostas en regradas variacións, que nos suxiren unha especie de tapiz que consegue facer case bailar e vibrar as partituras de Chopin. Puntuais xestos mínimos sucédense intransferibles suspirando ou aspirando ritmos e arritmias coma se fosen  soplos vitais. Fálannos de latexados interiores, de azar, pero non menos de fantasía e de xogo lúdico. Signos moi gráficos e enigmáticos que precisamente na súa discreta  esencialidad encerran altas doses de poesía, porque ascenden á ilusión e viran ou caen como bágoas de evasión. Magnetizan e fan pensar.

Calquera dos seus xa coñecidos e valorados traballos resoltos vía procesual, semellan suxestivas partituras nunha sorte de lenzos conectados e activados en base a ocupacións espaciais, atrapan a calma, as longas horas, a duración espacial e o discorrer da música. Os fondos das súas series ábrense infinitos e homoxéneos para acoller só abstraccións. A nós correspóndenos ler estas pezas utópicas.  

 

 Ana Pérez aspira a que a música nunca se borre da memoria, a propósito de que se crea desde o inmaterial e o impalpable. Convídanos non só a compartir senón a non escatimar horas nas tarefas diarias, ese ben cada día máis escaso e que ela nos convida a que o atesouremos para unha vida máis plena.  

 




<< Listado de Exposiciones
                                                                                                                                                                                                                                                                                   
Subir