LÚA GÁNDARA_Fiesta en el jardín con caracoles






LÚA GÁNDARA_Fiesta en el jardín con caracoles

    

11/06/2021


E chegou a hora da festa no xardín con carafio. Volvemos bailar. É o que nos propón Lúa Gándara con este título tan suxestivo e evocador para os tempos que corren, convertendo a sala da Galería METRO na súa particular pista de baile. As vibrantes manchas de cor e os certeiros trazos e xestos das súas pinturas bailan nun calculado equilibrio rítmico conformando unha escenografía que vai máis aló da propia pintura para converterse nunha invitación ao optimismo e ao humor nun xardín habitado por todo aquilo que, aos poucos, nace do temperamento desta nova e polifacética artista. Pinturas, paisaxes sonoras ou enxeñosas títulos como Amarelo sen glute, Cando os patos dormen pasan cousas, Raffaela Carrá no armario, Bos días agarimo vin a túa foto es moi fermosa e moi doce ámoche, ou o da propia exposición, aderezan conceptual e poéticamente a súa proposta e convidan o espectador á reflexión e ao xogo.
 
Os meus cadros bailan. Entre o título tan concreto e as manchas hai cousas escondidas, porque o que non se ve tamén é importante. Cando quero dicir algo, falo. Cando pinto, xogo moi en serio. É unha cuestión de equilibrios. Cando pinto, nada é casual, pero interésame que pareza. Gústame o peso na pintura, pero tamén o movemento. A cor vai indicando o camiño. Ten máis que ver con saber mirar e estar moi atenta. Impórtame moito como empezan e terminan exactamente os trazos, trátase de xestos como cando unha fala ou se move polo espazo. Vou experimentando e desenvolvendo a forma precisa, dunha maneira alegre e rabiosa á vez. É un traballo que ten moito que ver coa improvisación e a música, co corpo.
 
Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgraduado en Creación Sonora pola Universidade de Barcelona, Lúa Gándara (Porriño-Pontevedra,1988) tamén cultiva a performance, a música e a poesía. Foi galardoada co Premio Novos Talentos Luso-galaicos na IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico, seleccionada na XV Mostra do Museo de Arte Contemporánea Fundación Naturgy, no Premio Artistas do Alto Minho e Galiza 2016, da Fundaçao Bienal de Cerveira; no IX Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia, no Certame Xuventude Crea 2014, en Novos Valores de Pontevedra 2012, no V Certame de Pintura Arte Nova Galega e na X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, entre outras convocatorias.



<< Listado de Exposiciones
                                                                                                                                                                                                                                                                                   
Subir